Sunday 05 de May de 2024

O Club Deportivo Máster Noia de tenis xoga o seu primeiro partido federado na 3ª División do Campionato Galego por Equipos Absoluto


Alcalde e concelleira de Deportes asistiron á vitoria dos noieses por 5-1 diante da RSD Hípica da Coruña

O Club Deportivo Máster Noia de tenis vén de xogar esta fin de semana o seu primeiro partido como equipo federado na Terceira División do Campionato Galego por Equipos Absoluto Masculino. Un encontro que os noieses gañaron por 5-1 fronte ao equipo da RSD Hípica da Coruña e ao que asistiron o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado García.

Laura Salgado felicitou tanto aos xogadores como aos responsables do club “por este paso adiante nun equipo con apenas tres anos de historia e que agora xa conta cun equipo federado masculino que, agardamos, sexa só o primeiro paso e que pronto poidamos ter tamén equipos femininos e doutras idades para fomentar a práctica deste deporte en Noia”. Neste sentido, Rubén Seijo, responsable do club, confirma que “empezamos cos adultos pero a nosa idea é federar e que xoguen tamén os máis novos, pois eles son o remplazo xeracional”.

O primeiro partido do Club Deportivo Máster Noia de tenis tivo lugar este domingo nas pistas deportivas do paseo marítimo de Noia contra a RSD Hípica da Coruña. Os noieses venceron por 5 partidos a 1. “A valoracións dos xogadores desta experiencia foi moi boa, pois xa levabamos tempo querendo xogar e competir. Ademais, debutar e gañar a un club que ten tanta experiencia e con xogadores que mesmo teñen puntos de ranking é unha alegría aínda maior, pois para nós é a nosa primeira experiencia e ningún dos nosos xogadores ten puntos de ranking”, explica Rubén Seijo.

Competición

O Club Deportivo Máster Noia compite este ano na Terceira División do Campionato Galego por Equipos Absoluto Masculino da Federación Galega de Tenis nun grupo canda outros catro conxuntos: RSD Hípica da Coruña, Club USC C, Club de Tenis Coruña D e Club de Tenis Negreira A. A competición inclúe un encontro entre cada club, de forma que cada equipo xogará dous encontros como local e outros dous como visitante. Os encontros constan de seis partidos: catro individuais e dous dobres.

Así, o Club Deportivo Máster Noia venceu nos dous partidos de dobres (os noieses Sergio Mayán Iglesias e Cibrán López Vidal derrotaron 6-2 e 6-2 a Juan Carlos Castro Rial e Rubén González Pardo; e José Emilio Díaz Eira e Davida Mayo Suárez gañaron cun apertado 6-4, 5-7 e 10-5 a Carlos Diz García-Carro e Damián Dolan); e en tres dos catro individuais. Alberto Teira Neo derrotou 6-4 e 6-4 a Juan Carlos Castro Rial; Miguel Díaz Eiras gañou 6-0 e 6-4 a Damián Dolan; e Alfonso Mayo Suárez derrotou 6-1 e 6-1 a Rubén González Pardo. A única derrota deste debut foi a de José Manuel Álvarez, que caeu 1-6 e 2-6 diante de Carlos Diz García-Carro.

Os próximos partidos terán lugar o 2 de febreiro en Santiago fronte ao Club USC C e o 16 de febreiro na Coruña fronte ao Club de Tenis Coruña D. O seguinte partido en Noia será contra o Club de Tenis Negreira A o 22 de marzo. Os tres primeiros clasificados do torneo clasificaranse para unha segunda fase galega que terá lugar durante o mes de abril. De momento, os noieses lideran a clasificación, se ben son os únicos que xogaron encontros no grupo.